A Deputación da Coruña entrega a AFAFES unha furgoneta adaptada para reforzar a atención ás persoas con alzhéimer

A Deputación da Coruña fixo entrega dunha nova furgoneta adaptada á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Costa da Morte (AFAFES), co obxectivo de mellorar o transporte e a atención ás persoas con alzhéimer e outras enfermidades neurodexenerativas.

O acto contou coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a deputada de Política Social, Mar García Vidal; e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, xunto coa directiva e o equipo da entidade.

A adquisición do vehículo foi posible grazas a unha subvención provincial de 55.000 euros, concedida ao abeiro do programa de investimentos para a compra de vehículos destinados a entidades sociais da provincia.

A nova furgoneta permitirá facilitar o traslado das persoas usuarias ás instalacións e actividades de AFAFES, garantindo un transporte seguro, accesible e adaptado ás súas necesidades. Ademais, contribuirá a ampliar a capacidade asistencial da asociación e ofrecerá un importante apoio ás familias que teñen dificultades para realizar estes desprazamentos.

Durante o acto, Valentín González Formoso destacou a importancia do labor que desenvolve AFAFES na Costa da Morte e puxo en valor o compromiso do seu persoal e das familias que forman parte da entidade.

O presidente provincial subliñou que, en comarcas cunha elevada dispersión territorial e unha poboación cada vez máis envellecida, contar cun servizo de transporte adaptado resulta fundamental para garantir que ningunha persoa quede sen recibir atención por problemas de mobilidade.

Ademais da adquisición da furgoneta, a Deputación da Coruña mantén unha colaboración continuada con AFAFES a través do financiamento dos seus programas de prevención da dependencia, promoción da autonomía persoal e rehabilitación de persoas con alzhéimer e outras doenzas neurodexenerativas.

Este apoio tamén se materializa mediante liñas de subvención destinadas ao mantemento de servizos, contratación de persoal especializado, desenvolvemento de actividades e mellora dos equipamentos da entidade.

Entre os servizos que presta AFAFES destacan os programas de estimulación cognitiva e funcional, rehabilitación, prevención do deterioro, atención psicolóxica, acompañamento ás persoas usuarias e asesoramento ás familias e persoas coidadoras, desempeñando un papel esencial na mellora da calidade de vida das persoas afectadas e da súa contorna.