Veciños de Razo denuncian o mal estado das estradas da parroquia e reclaman unha actuación urxente

Os veciños da parroquia de Razo, no concello de Carballo, volven amosar o seu malestar polo deficiente estado de conservación das estradas, onde as numerosas fochancas convertéronse xa nun problema habitual para condutores e residentes.

Un dos puntos que máis preocupación esperta atópase na rúa do Porto, xunto ao Bar Eirís, onde un gran burato leva varios meses sen ser reparado. Os veciños ironizan chamándolle xa un novo «badén», aínda que advirten de que representa un perigo para os vehículos e pode provocar avarías importantes.

Por este motivo, recomendan a todos os propietarios de vehículos que extremen as precaucións ao circular por esta zona para evitar quedar atrapados ou sufrir danos nos seus coches.

Pero este non é un caso illado. Segundo denuncian os residentes, máis arriba, na estrada en dirección á Cabreira, existe outra importante fochanca que permanece sen arranxar desde o ano pasado. Aseguran que a situación repítese en distintos puntos da parroquia, onde o deterioro do firme vai en aumento sen que, polo momento, se leven a cabo reparacións definitivas.

Os veciños solicitan ao Concello de Carballo unha actuación urxente para reparar estas fochancas e mellorar o estado das vías, garantindo así a seguridade dos usuarios e evitando que o problema continúe agravándose co paso do tempo.