
Veciños da zona de Luis Calvo trasladan a súa preocupación polo estado no que se atopa o río Anllóns ao seu paso por este lugar. Segundo denuncian, a abundante maleza das marxes serve de refuxio para ratas de gran tamaño, que durante a noite se achegan ao parque infantil da contorna atraídas polos restos de comida que ás veces quedan tras o seu uso.
Os residentes consideran que esta situación pode supoñer un risco para a saúde e a seguridade dos nenos e nenas que frecuentan o parque, polo que solicitan ao Concello de Carballo que adopte as medidas necesarias ou que xestione a intervención da administración competente, realizando labores de limpeza e desbroce das marxes do río, reforzando a limpeza do parque infantil e aplicando medidas de control da poboación de roedores.
Así mesmo, fan un chamamento á colaboración cidadá para manter limpas as instalacións, evitando deixar restos de comida ou lixo que poidan atraer estes animais.
Os veciños agardan unha actuación rápida que permita recuperar a seguridade e a tranquilidade nun espazo de uso diario para moitas familias.