
Malpica converterase un ano máis no punto de encontro para os amantes da música en directo coa celebración da quinta edición do Balea Fest, que terá lugar o sábado 25 de xullo a partir das 14.00 horas no Travelift.
O festival ofrecerá unha intensa xornada de concertos e ambiente festivo, reunindo sobre o escenario a Delarrio, Anthony, Screaming Eagles, Incate, Os Revenidos e EME DJ, nunha programación pensada para gozar da música durante toda a tarde e a noite.
Ademais da proposta musical, o público poderá desfrutar dunha carpa e dunha paella popular, completando unha cita aberta tanto á veciñanza como ás persoas visitantes que se acheguen a Malpica.
O Concello de Malpica anima a toda a cidadanía a participar nesta nova edición dun festival que xa se consolidou como unha das citas culturais e musicais do verán no municipio.
O Balea Fest está organizado pola Asociación Cultural Campal, coa colaboración do Concello de Malpica e da Confraría de Pescadores de Malpica.