
Muros, 23 de xullo de 2026. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón, asinaron un convenio de colaboración para executar novas actuacións de mellora dos espazos públicos nas parroquias de Esteiro e Louro, cun investimento superior aos 246.000 euros, dos que a institución provincial financia o 80 %.
O proxecto inclúe a construción dun novo parque infantil na contorna do parque do Artón, en Esteiro, con zonas diferenciadas por idades e dotado de elementos de xogo inclusivos, tirolesa, randeeiras, multixogos e pavimento continuo de caucho para garantir a seguridade das crianzas.
En Louro, a actuación permitirá renovar a zona deportiva e de lecer da Agra de Filgueira mediante a modernización da pista polideportiva, a instalación de novo equipamento deportivo, a mellora da área infantil, novo mobiliario urbano, unha fonte, accesos adaptados e actuacións de acondicionamento e axardinamento da contorna.
Durante a visita institucional, Formoso e a rexedora tamén supervisaron o resultado da segunda fase da humanización da rúa Real, no casco histórico de Muros, unha intervención financiada a través do Plan Único (POS+) con preto de 230.000 euros.
As obras permitiron renovar as redes de abastecemento e saneamento, mellorar as canalizacións da iluminación pública e preparar a infraestrutura para o futuro soterramento do cableado eléctrico e de telecomunicacións. Ademais, instalouse un novo pavimento de granito que mantén a estética tradicional do conxunto histórico e contribúe á posta en valor do patrimonio urbano.
No transcurso da visita anunciouse tamén que este mesmo ano comezará a terceira fase da humanización da rúa Real, cun investimento de 280.000 euros tamén financiado polo Plan Único. Entre ambas actuacións, a remodelación integral desta vía suma xa máis de 510.000 euros de investimento provincial.
Valentín González Formoso destacou que estas actuacións «permiten crear e renovar espazos públicos pensados para o uso diario das familias, da infancia e da mocidade, mellorando a calidade de vida nas parroquias e dotándoas de instalacións modernas e accesibles». Pola súa banda, María Lago puxo en valor o apoio económico da Deputación aos concellos, especialmente nun contexto de crecente incremento de competencias municipais.
O presidente provincial salientou tamén a colaboración mantida entre ambas administracións, lembrando que a Deputación leva investidos máis de 18,2 millóns de euros en Muros durante os últimos once anos, dos que 9,2 millóns corresponden ao Plan Único, programa que permitiu executar 54 obras de mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos no municipio.
Formoso destacou a evolución do Plan Único, que en 2026 alcanza unha dotación récord de 160 millóns de euros, consolidándose como a principal ferramenta de cooperación económica da Deputación cos 93 concellos da provincia e permitindo que tanto grandes como pequenos municipios poidan desenvolver proxectos estratéxicos para mellorar os servizos e a calidade de vida da veciñanza.