A Xunta inviste máis de 3 millóns de euros na renovación do firme de oito estradas da Costa da Morte

Santiago de Compostela. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), adxudicou por un importe de 3.078.354,95 euros as obras de renovación do firme en oito estradas autonómicas ao seu paso por dez concellos da Costa da Morte. Os traballos foron adxudicados á empresa Construcciones López Cao, S.L. e contan cun prazo de execución estimado de seis meses.

A actuación permitirá mellorar o estado do pavimento en preto de 65 quilómetros da rede viaria autonómica, reforzando tanto as condicións de circulación como a seguridade viaria en distintos treitos das estradas afectadas.

As intervencións realizaranse na vía de altas prestacións VG-1.4 (Cee-Sardiñeiro) e nas estradas AC-404 (Santa Comba-Baio), AC-429 (Ponteceso-Laxe), AC-440 (Berdoias-Muxía), AC-444 (Negreira-Ponte Failde), AC-546 (Negreira-A Pereira), AC-550 (Cee-Ribeira) e AC-552 (A Coruña-Cee).

As obras beneficiarán aos municipios da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas, onde se executarán distintas actuacións de rehabilitación superficial do firme para recuperar as condicións óptimas do pavimento e prolongar a súa vida útil.

Segundo explica a Xunta, os traballos consistirán no reforzo e rehabilitación do firme, adaptando cada actuación ás necesidades funcionais de cada treito e mellorando a durabilidade da infraestrutura. Ademais, todas as intervencións desenvolveranse dentro da zona de dominio público das estradas autonómicas, polo que non será necesaria a expropiación de terreos.

A Consellería destaca que este investimento forma parte da súa estratexia de conservación da rede viaria autonómica, coa finalidade de reducir os custos de mantemento a longo prazo e incrementar a seguridade dos usuarios das estradas galegas.