Detidos en Padrón dous veciños de Carballo con condenas pendentes de ata cinco anos de prisión

A Garda Civil detivo a dous homes de 24 e 32 anos, ambos naturais de Carballo, sobre os que pesaban ordes xudiciais de busca, detención e ingreso en prisión. Os arrestados levaban varios meses en paradoiro descoñecido, tratando de evitar a súa localización mentres se desprazaban entre os municipios de Carballo e Padrón.

Segundo informou o Instituto Armado, os dous investigados, coñecidos pola comisión de diversos ilícitos penais, utilizaban motocicletas de gran cilindrada para moverse entre ambas localidades e eludir os controis policiais.

A investigación, desenvolvida pola Área de Investigación da Garda Civil de Carballo coa colaboración do Posto de Rianxo, permitiu localizar os dous fuxitivos o pasado 18 de xullo. Os axentes atopáronos na terraza dun establecemento hostaleiro de Padrón, onde foron detidos sen que se rexistrasen incidentes.

Tras o seu arresto, ambos foron postos a disposición do Tribunal de Instancia de Padrón. A autoridade xudicial acordou o seu inmediato ingreso nun centro penitenciario para o cumprimento das condenas que tiñan pendentes, de ata cinco anos de prisión.

Con esta actuación, a Garda Civil dá por rematada unha investigación que permitiu executar as ordes xudiciais vixentes contra os dous detidos tras varios meses de busca.