O BNG de Vimianzo denuncia o atraso na contratación da brigada de prevención de incendios (Vídeo)

O BNG de Vimianzo denunciou o que considera un «incomprensible atraso» por parte do Goberno municipal na contratación do persoal destinado aos traballos de prevención de incendios forestais, malia que o convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello foi asinado no mes de abril de 2025.

Segundo sinalan os nacionalistas, este acordo permitía financiar a contratación de cinco persoas para realizar labores de limpeza, desbroce e mantemento dos espazos forestais, co obxectivo de reducir o risco de incendios durante os meses de maior perigo.

Porén, o BNG critica que a alcaldesa agardase ata o pasado 26 de xuño para anunciar o inicio do proceso de contratación. Ademais, lembran que entre a publicación das listas, os prazos administrativos e o proceso de selección, a incorporación efectiva do persoal non se producirá ata o 1 de agosto.

Desde a formación consideran que esta demora supón perder meses fundamentais para executar os traballos preventivos, precisamente cando as condicións meteorolóxicas incrementan o risco de incendios.

«O verán chega e os camiños forestais e moitas parroquias continúan sen os labores de limpeza e mantemento necesarios, unha situación que pon de manifesto a falta de planificación do Goberno local», afirman desde o BNG.

Os nacionalistas lamentan que un programa financiado con antelación suficiente non se puxese en marcha nos prazos adecuados e reclaman ao Concello unha mellor organización para que este tipo de actuacións preventivas se desenvolvan antes da época de máximo risco.

Finalmente, o BNG insiste en que a prevención dos incendios forestais require anticipación e planificación, polo que considera «inadmisible» que uns traballos previstos desde abril non entren en funcionamento ata o mes de agosto, cando boa parte da campaña de alto risco xa estará avanzada.