
O vindeiro luns darán comezo as obras de rehabilitación do Santuario da Virxe da Barca, unha actuación necesaria para garantir a conservación deste emblemático edificio, referente patrimonial, histórico e relixioso do noso municipio.
Os traballos desenvolveranse por fases, co obxectivo de manter o Santuario aberto ao público durante a maior parte da intervención, polo menos ata a celebración da Festa da Barca.
Como acontece en calquera obra destas características, os traballos poderán ocasionar algunhas molestias puntuais, aínda que resultan imprescindibles para asegurar a preservación do templo e mellorar o seu estado de conservación.
Na xornada de hoxe procedeuse ao traslado de diversos enxovais e outros elementos do interior do Santuario, co fin de deixar libre a parede sur interior e facilitar o inicio das actuacións previstas.
Para levar a cabo este traslado contouse coa colaboración dos operarios da empresa adxudicataria das obras, do persoal do Concello de Muxía, aos que queremos agradecer a súa disposición e axuda. Así mesmo, expresamos o noso máis sincero agradecemento á empresa Induplan pola cesión dun espazo na súa nave industrial, onde permanecerán almacenados temporalmente estes enseres durante o desenvolvemento das obras.
Desde o Concello agradecemos a comprensión e colaboración da veciñanza e das persoas visitantes durante o tempo que duren os traballos, convencidos de que esta actuación contribuirá á conservación dun dos símbolos máis representativos de Muxía para as xeracións futuras.




