
A oposición no Concello de Muxía denunciou publicamente que o Goberno municipal, integrado por PP, BNG e Independentes, excluíu as aldeas da licitación do Plan de Limpezas para toda a vindeira anualidade.
Segundo a denuncia, esta decisión supón que os núcleos rurais non estarán incluídos no contrato previsto para os traballos de limpeza, unha medida que cualifican de «inxusta» e prexudicial para os veciños e veciñas das parroquias.
Desde a oposición consideran que o Executivo local evitou informar desta situación mentres centraba o debate político noutras cuestións. «Con razón lles interesaba seguir falando das polémicas e non disto», sinalan, asegurando que a exclusión das aldeas representa unha falta de respecto cara á veciñanza.
Así mesmo, anuncian que levarán a cabo todas as accións políticas e administrativas que estean ao seu alcance para intentar frear esta decisión e reclamar que as aldeas sexan incorporadas ao plan de limpeza.
A formación remata a súa mensaxe reafirmando o seu compromiso coa defensa dos intereses da veciñanza de Muxía, asegurando que continuará exercendo unha oposición «libre, sen ataduras» e que seguirá ao lado dos cidadáns «con acertos e con erros».