
Unha moza resultou ferida na tarde deste domingo nun accidente de tráfico rexistrado no lugar de Portor, no concello de Negreira, despois de producirse unha colisión entre dous turismos. A vítima tivo que ser excarcerada polos bombeiros ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos.
O accidente produciuse arredor das 20:45 horas. Foi un particular quen alertou ao 112 Galicia, indicando que dous coches acababan de colidir e que, cando menos, unha persoa permanecía atrapada.
Ata o lugar desprazáronse efectivos do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Santa Comba e da Garda Civil de Tráfico para atender a emerxencia.
Á súa chegada, os equipos de intervención confirmaron que era necesario utilizar material de excarceración para liberar á ocupante dun dos turismos. Os bombeiros retiraron dúas portas e o piar central do vehículo para facilitar o rescate da moza, que posteriormente foi atendida polos sanitarios e trasladada para recibir asistencia médica.
As circunstancias nas que se produciu a colisión están a ser investigadas pola Garda Civil de Tráfico.