
O Concello de Muros acolleu hoxe a presentación da XXII edición do Castelo Rock, un festival de música independente que se celebrará os días 6, 7 e 8 de agosto e que volve contar co respaldo da Deputación da Coruña. A institución provincial destina 24.500 euros ao evento a través da súa liña de subvencións para festivais de música.
No acto participaron as deputadas de Cultura, Natividade González, e de Lingua, Sol Agra; o presidente da ACRD Praia do Castelo, Santiago Romero; a alcaldesa de Muros, María Lago; a concelleira de Cultura, Caridad González; e o director da AGADIC, Jacobo Sutil.
Durante a presentación, Natividade González destacou o valor do festival como referente cultural e social. “Para nós é un orgullo apoiar iniciativas como esta, que demostran que a cultura tamén é motor de desenvolvemento, de convivencia e de dinamización do territorio. O Castelo Rock é un exemplo do valor do asociacionismo, do compromiso colectivo e do talento musical”, sinalou. A deputada felicitou tamén á organización, ao voluntariado e ás entidades colaboradoras polo seu traballo continuado e animou á cidadanía a achegarse a Muros para gozar dun festival “que combina música, cultura e identidade”.
A organización deu a coñecer as principais novidades desta XXII edición, así como a programación completa e os detalles organizativos dun evento que, tras máis de dúas décadas de traxectoria, mantén intacta a súa filosofía baseada no asociacionismo, o voluntariado e a implicación da veciñanza. Cun aforo limitado a 700 persoas, o Castelo Rock continúa apostando por un formato próximo, favorecendo o contacto entre artistas e público e integrando a actividade musical na vida da vila.
O cartel deste ano reúne bandas e artistas internacionais, estatais e galegos como Kid Kapichi, Big Special, Viva Belgrado, Parquesvr, Orquestra Bravú Xangai, XianPais, Law e Nadie González. Ademais dos concertos principais, o festival ofrecerá actuacións en aberto, sesións de DJ e diversas actividades que se desenvolverán ao longo da fin de semana no centro histórico de Muros.