
O Concello da Baña continúa a desenvolver traballos de roza e limpeza dos camiños de monte a través da brigada de prevención e defensa contra os incendios forestais, dentro da campaña municipal destinada a reducir o risco de lumes e mellorar a seguridade do territorio.
Estas actuacións contribúen a manter o municipio en mellores condicións, favorecendo un entorno máis limpo, seguro e coidado para a veciñanza e para todas as persoas que visitan o concello.
Nun contexto especialmente complexo, marcado pola vaga de incendios que afecta a diferentes puntos do país, o Concello fai un chamamento á responsabilidade e á colaboración da cidadanía para extremar as precaucións e cumprir coa normativa de prevención de incendios forestais.
Neste sentido, recórdase que todas as parcelas situadas a menos de 50 metros dos núcleos de poboación ou de edificacións illadas deben permanecer limpas, tal e como establece a lexislación vixente. O mantemento adecuado das fincas resulta esencial para diminuír o risco de propagación do lume e protexer tanto ás persoas como ás vivendas e ao medio natural.
A normativa obriga á retirada de silvas, toxos, fentos e outra vexetación combustible, así como á eliminación de especies como piñeiros, eucaliptos e acacias dentro das distancias de seguridade establecidas pola lei.
O Concello lembra que o incumprimento destas obrigas pode supoñer a imposición de sancións administrativas, ademais das posibles responsabilidades civís e penais que puidesen derivarse en caso de incendio.
Desde o goberno municipal insístese na importancia da prevención como a mellor ferramenta para evitar os incendios forestais e faise un chamamento á implicación de toda a cidadanía para contribuír á protección das persoas, das vivendas e do patrimonio natural da Baña.



