A Xunta e o Concello de Fisterra investirán preto de 35.000 euros na mellora da praza do Campo

A Xunta de Galicia e o Concello de Fisterra colaborarán na mellora e pavimentación da praza do Campo grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre ambas administracións. O proxecto contará cun investimento de preto de 35.000 euros e executarase ao abeiro do Plan Hurbe, impulsado pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

O acordo foi asinado en San Caetano pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Fisterra, Luís Manuel Insua Lago. No acto tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

Segundo o convenio, a Xunta asumirá o 70 % do investimento, cunha achega de case 24.000 euros, ademais de encargarse da contratación e execución das obras. Pola súa banda, o Concello de Fisterra financiará o 30 % restante, algo máis de 10.000 euros, e será o responsable do mantemento e conservación das actuacións unha vez rematadas.

A intervención forma parte da estratexia de colaboración entre a Xunta e as entidades locais para impulsar a mellora dos espazos públicos, favorecer a accesibilidade, eliminar barreiras arquitectónicas e revitalizar as contornas urbanas e rurais.

A través do Plan Hurbe, o Goberno galego continúa promovendo actuacións que contribúen ao desenvolvemento dos núcleos rurais, reforzando o seu papel como centros de prestación de servizos e favorecendo o equilibrio territorial en toda a comunidade.