Presentado o III Trofeo Concello de Muros de Fútbol Feminino e Masculino, que se disputará os días 22, 23, 29 e 30 de agosto

O Concello de Muros acolleu a presentación oficial e o sorteo do III Trofeo Concello de Muros de Fútbol Feminino e Masculino, unha cita que, tras o éxito das dúas primeiras edicións celebradas en 2024 e 2025, volverá reunir aos principais equipos da comarca no campo municipal Eleuterio Balayo.

Na categoría masculina, o torneo arrancará coas semifinais os días 22 e 23 de agosto. Na primeira eliminatoria enfrontaranse a UD Monte Louro e os Volantes de Baño FC, mentres que a segunda semifinal medirá á SD Esteirana e ao CD Muros. Os dous equipos vencedores disputarán a gran final na fin de semana do 29 e 30 de agosto.

Pola súa banda, a categoría feminina contará cun único encontro no que ED As Miúdas Bar El Muelle e a SD Esteirana F loitarán polo título, coincidindo tamén coa fin de semana das finais.

A edición deste ano contará cunha organización compartida entre os clubs participantes. A competición feminina estará coordinada pola ED As Miúdas Bar El Muelle, mentres que a masculina correrá a cargo dos Volantes de Baño FC.

No acto de presentación participaron a alcaldesa de Muros, María Lago; o concelleiro de Deportes, Damián Torea; o presidente do CD Muros, Manuel Caamaño; o directivo dos Volantes de Baño FC, Bernardino Caamaño; o presidente da ED As Miúdas Bar El Muelle, José Luis Martínez; o representante da SD Esteirana, Manolo Abeijón «O Ferrolán»; e Fernando García, en representación da UD Monte Louro.

O III Trofeo Concello de Muros consolídase así como unha das citas deportivas do verán na comarca, promovendo tanto o fútbol masculino como o feminino e fomentando a participación dos clubs locais nun ambiente de convivencia e competición deportiva.