A veciñanza de Baldaio convoca unha nova concentración para reclamar a apertura urxente da canle

A protesta terá lugar o venres 7 de agosto, ás 20:30 horas, nas inmediacións da Ponte de Baldaio, baixo o lema «Baldaio non se vende, Baldaio deféndese»

A veciñanza de Baldaio volverá saír á rúa este venres, 7 de agosto, para reclamar unha actuación urxente ante a situación que atravesa a ría. A concentración, de carácter simbólico e pacífico, terá lugar ás 20:30 horas nas inmediacións da Ponte de Baldaio.

A convocatoria chega despois de varios meses coa canle completamente tapada e nun contexto que os veciños consideran de auténtica emerxencia ambiental e sanitaria. Entre as consecuencias sinaladas pola veciñanza figuran a mortandade de peixes e marisco, o estancamento das augas, a falta de osíxeno, os malos cheiros e o incremento da presenza de mosquitos.

Reclaman unha solución inmediata

Un dos principais motivos de preocupación é a falta dunha resposta concreta por parte das distintas administracións. Segundo denuncian os convocantes, na última xuntanza celebrada en Santiago, representantes de Patrimonio Natural, dependente de Medio Ambiente, derivaron a responsabilidade cara á Consellería do Mar, que non estaba presente nesa reunión.

A situación tamén chegou ao Congreso dos Deputados da man do deputado do BNG Néstor Rego, que reclamou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica a súa intervención e a coordinación coa Xunta de Galicia e o Concello para abordar de maneira urxente a apertura da canle.

Para a veciñanza, o problema non pode continuar atrapado nun intercambio de responsabilidades entre administracións. Reclaman que se adopten medidas canto antes para recuperar a circulación da auga e evitar que a situación ambiental continúe agravándose.

Unha protesta simbólica con pas

Baixo o lema «Baldaio non se vende, Baldaio deféndese», os organizadores animan á cidadanía a participar na concentración e levar pas de xoguete, como símbolo da reivindicación da apertura da canle.

A convocatoria pretende ser unha nova mostra pública do malestar existente entre os veciños e de presión para que as administracións actúen.

«Mentres eles se pasan a pelota duns a outros, a veciñanza non se vai calar», sinalan os convocantes.

A mobilización está aberta a toda a cidadanía e busca visibilizar a situación da ría e reclamar unha resposta inmediata. O obxectivo, segundo os organizadores, é claro: a apertura da canle e unha solución urxente para Baldaio.

Venres, 7 de agosto · 20:30 h · Inmediacións da Ponte de Baldaio

Baldaio non se vende. Baldaio deféndese.