APIN critica o rexeitamento de dúas das súas mocións e reclama acordos para mellorar os servizos e espazos públicos de Ponteceso

O grupo municipal de APIN no Concello de Ponteceso fai balance da última sesión plenaria, na que presentou tres mocións: dúas foron rexeitadas polo grupo de goberno e a terceira, relativa ao parque eólico do Concello, quedou sobre a mesa para o seu debate na Comisión de Transparencia.

Unha das propostas rexeitadas foi a relacionada co derrubo do muro dunha veciña de Somontes afectada polas enchentes. Durante o debate, o alcalde recoñeceu que existe unha responsabilidade das institucións ante esta situación, aínda que atribuíu esa responsabilidade á Xunta de Galicia. Desde APIN consideran que, mentres as administracións discuten sobre as competencias, a veciña continúa tendo que loitar para atopar unha solución ao seu problema.

Tamén foi rexeitada a moción na que APIN solicitaba que Augas de Galicia estudase, entre outras medidas, un posible cambio de localización da depuradora. Segundo APIN, o alcalde amosou a súa confianza no traballo realizado por Augas de Galicia, polo que a veciñanza terá que continuar esperando por unha solución que, na opinión da formación, pode tardar moitos anos.

Rogos e preguntas

No apartado de rogos e preguntas, APIN puxo sobre a mesa os gastos en publicidade realizados durante o último mes, que a formación considera excesivos, ao situarse preto dos 6.000 euros.

Segundo APIN, ante a pregunta polo elevado importe, o alcalde xustificou parte dos gastos pola celebración da Festa do Percebe. Porén, a formación sinala que os gastos correspondentes a esta celebración non figuraban na relación facilitada durante a sesión.

Outro dos asuntos abordados foi a cobertura das prazas da brigada forestal municipal. APIN preguntou por que só se cubriron tres das cinco prazas previstas, especialmente tendo en conta que había máis aspirantes e que entre eles figuraba algunha persoa que o ano anterior obtivera unha moi boa puntuación e que este ano non chegou a superar o corte.

A resposta do alcalde, segundo APIN, foi cando menos curiosa: “El non estaba no proceso de selección”, en referencia á persoa pola que preguntaba a formación.

Debate sobre as praias e Balarés

Por outra banda, o BNG presentou unha moción relacionada coa responsabilidade do Concello respecto das praias con Bandeira Azul, facendo especial referencia á situación de Balarés. A proposta deu lugar a un debate no pleno sobre as responsabilidades e actuacións necesarias nestes espazos.

Desde APIN aproveitaron este debate para defender a importancia de que as propiedades da Deputación pasen a ser propiedade do Concello, especialmente aquelas relacionadas con espazos e servizos de interese municipal.

APIN sostén que non existe ningún impedimento legal para avanzar nese proceso e considera que o fundamental é alcanzar acordos entre as administracións e as distintas forzas políticas.

“Fai falta chegar a acordos, pero hai partidos que non están pola labor”, sinalan desde APIN.

A formación municipal considera que a colaboración entre administracións e a procura de acordos son fundamentais para avanzar na mellora de espazos como Balarés e para dar resposta ás necesidades da veciñanza de Ponteceso.