
Mónica Rodríguez reivindica o compromiso da Deputación da Coruña coa mellora da estrada entre Caxadas e Baiñas e pide rigor á hora de informar sobre as actuacións
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, quixo facer unha aclaración pública sobre as actuacións executadas e previstas na estrada DP-9203, entre Caxadas e Baiñas, ante o que considera informacións que poden xerar confusión entre a veciñanza.
A rexedora lembra que se trata dunha estrada de titularidade provincial, polo que a súa conservación, mantemento e mellora corresponden á Deputación da Coruña. Neste sentido, explica que os investimentos destinados a esta vía provincial non poden ser destinados a estradas de titularidade municipal, xa que cada administración debe actuar sobre as infraestruturas que son da súa competencia.
Máis de 1,5 millóns de euros na primeira fase
Rodríguez destaca que durante os anos 2023 e 2024 se desenvolveu unha primeira fase de actuacións na DP-9203 cun investimento superior aos 1,5 millóns de euros.
Entre as principais obras executadas nesta fase figuran a construción da senda peonil entre Caxadas e Castrelo, a mellora das pontes de Caxadas e Castrelo e a construción da variante de Padreiro, coa que se eliminou un dos puntos considerados máis complicados para a circulación.
A alcaldesa salienta que esta primeira intervención non contemplaba a renovación do pavimento dos carrís de circulación, xa que a actuación sobre o firme estaba prevista nunha fase diferente.
Segundo explica, durante a inauguración das obras, no verán de 2024, a Deputación comprometeuse a impulsar unha segunda fase destinada precisamente á renovación do firme da estrada, especialmente nos tramos nos que o pavimento presentaba un maior desgaste.
Nova actuación de 442.000 euros
Ese compromiso materialízase agora coa aprobación da denominada “2ª Fase-2026”, que permitirá actuar sobre o pavimento da DP-9203 entre Caxadas e Baiñas.
A intervención contempla o fresado e reposición do firme nos tramos nos que sexa necesario, cun orzamento previsto de 442.000 euros. A obra será licitada nos vindeiros meses.
Mónica Rodríguez considera que esta nova actuación demostra que “pasiño a pasiño, os compromisos cúmprense” e agradece á Deputación da Coruña que atendese as demandas trasladadas desde o Concello de Vimianzo.
Petición de rigor e transparencia
A alcaldesa aproveitou tamén para pedir responsabilidade á hora de trasladar información sobre as obras públicas e as competencias de cada administración.
“Só pido que antes de trasladar unha información como certa, procuremos coñecer todos os datos”, sinalou, defendendo a necesidade dun debate “máis rigoroso, respectuoso e beneficioso para Vimianzo e para os nosos veciños e veciñas”.
Rodríguez reivindica así a colaboración entre o Concello e a administración provincial para continuar mellorando as infraestruturas do municipio e pon como exemplo a actuación prevista na DP-9203, que permitirá completar as intervencións realizadas na primeira fase coa renovación do firme nos tramos que máis o precisan.