Veciños de Corcubión denuncian o abandono e o perigo do aparcamento municipal

Veciños de Corcubión amosan a súa preocupación polo estado do firme do aparcamento e reclaman unha actuación urxente por parte do Concello.

O estado do solo do aparcamento de Corcubión está a xerar malestar e preocupación entre os veciños, que denuncian o evidente deterioro da superficie e o risco que supón para as persoas que utilizan a zona a diario.

Segundo sinalan, o firme presenta numerosas irregularidades e zonas deterioradas que dificultan o paso e poden provocar caídas, especialmente entre persoas maiores ou con dificultades de mobilidade.

«O solo do aparcamento está para matarse», lamentan algúns usuarios, que consideran que a situación require unha solución antes de que se produza algún accidente.

A situación tamén está a provocar críticas pola falta de mantemento e pola ausencia, segundo os veciños, dunha resposta efectiva por parte do Concello. «Eu pregúntome se hai alguén no consistorio que utilice a cabeza para pensar ou só a teñen de adorno», sinala, con indignación, unha das persoas afectadas.

Os veciños reclaman que o Concello revise canto antes o estado do aparcamento e adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade dos usuarios, evitando que o deterioro do firme poida acabar provocando un accidente.