Ponteceso culmina a restauración do Faro do Roncudo para poñer en valor o seu patrimonio costeiro

A actuación mellora a accesibilidade e seguridade da contorna e incorpora novos accesos peonís, miradoiros, aparcadoiro e a Zona Percebeiro

Ponteceso dá un novo paso na posta en valor do seu patrimonio costeiro coa finalización das obras de restauración e acondicionamento da contorna do Faro do Roncudo, en Corme. A intervención, impulsada pola Autoridade Portuaria da Coruña tras a petición do Concello, permitiu recuperar e mellorar un dos espazos máis emblemáticos do municipio.

O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia dunha actuación que permite «recuperar e poñer en valor un dos espazos máis emblemáticos do municipio», ao tempo que mellora a accesibilidade e a seguridade dos visitantes e preserva os valores paisaxísticos e ambientais da zona.

As obras executáronse baixo o principio de respecto pola contorna natural. Entre as actuacións realizadas figura a mellora estrutural da baliza e o acondicionamento do espazo que a rodea. Tamén se crearon novos accesos peonís, varios miradoiros e unha área de aparcadoiro para visitantes.

Unha das novidades máis destacadas é a creación da Zona Percebeiro, un novo espazo pensado para favorecer o desfrute dunha das paisaxes máis singulares da costa pontecesá. Ademais, trasladouse a estatua do percebeiro, un elemento estreitamente ligado á identidade mariñeira de Corme e á súa relación histórica co mar.

Recoñecemento á colaboración institucional e veciñal

O alcalde trasladou o seu agradecemento á Autoridade Portuaria da Coruña pola súa implicación no proxecto e, especialmente, ao seu presidente, Martín Fernández Prado, así como ao persoal técnico da entidade pola súa disposición e colaboración para facer realidade unha actuación demandada pola veciñanza.

Mato tamén puxo en valor o papel da Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme e do seu presidente, Antón Vidal Saleta. Segundo sinalou, a actuación demostra que «a colaboración entre as administracións e o tecido asociativo é clave para facer realidade proxectos que repercuten directamente no benestar da cidadanía».

Un primeiro paso para seguir transformando o Roncudo

A restauración do faro e o acondicionamento da súa contorna forman parte da estratexia do Concello de Ponteceso para conservar o patrimonio, mellorar os espazos públicos e reforzar o atractivo turístico do municipio.

O Concello sinala que esta intervención non será a última que se leve a cabo no Roncudo. Está prevista unha segunda fase de actuacións coa que se pretende continuar avanzando na recuperación e posta en valor deste enclave costeiro, que cada ano recibe miles de visitantes atraídos pola súa paisaxe, o seu patrimonio e a súa estreita vinculación coa tradición mariñeira de Corme.

Despedida do curso nas Casas do Maior de Ponteceso

As tres Casas do Maior de Ponteceso e a Casa do Maior da Agualada celebraron unha xornada de convivencia para poñer o broche de ouro a un curso cheo de aprendizaxes e bos momentos.

Onte vivimos unha xornada moi especial para despedir o curso cos maiores das tres Casas do Maior de Ponteceso e cos veciños e veciñas da Casa do Maior da Agualada.

As dúas cooperativas reuníronse en Corme para compartir un xantar e desfrutar dun agradable encontro de convivencia, nun ambiente marcado pola amizade, a alegría e os bos momentos compartidos ao longo do ano.

Esta celebración serviu para facer balance dun curso cheo de experiencias, aprendizaxes, compañía e, sobre todo, moitos sorrisos. Unha oportunidade para poñer en valor a importancia destes espazos como lugares de encontro, participación e benestar para as persoas maiores.

Agora chega o momento de descansar, gozar do verán e recargar pilas. Agardamos volver despois do descanso con máis ilusión, novas actividades e moitas ganas de seguir compartindo momentos.