Dous socorristas de Carballo rescatan un mozo atrapado pola corrente na praia de Pedra do Sal

Dous socorristas do servizo de vixilancia de Carballo rescataron este mércores un mozo de 22 anos que quedara atrapado pola corrente na praia de Pedra do Sal. O incidente produciuse nunha zona próxima ás pedras, onde o baño está prohibido.

Segundo explicaron desde o servizo, o mozo atopábase bañándose nunha área non habilitada cando foi sorprendido pola corrente e tivo dificultades para regresar á beira.

Os feitos ocorreron cando os socorristas estaban a piques de finalizar a súa xornada. Desde a caseta observaron o que estaba a suceder e desprazáronse rapidamente ata o lugar para auxiliar o bañista.

O rescate desenvolveuse con rapidez e rematou con éxito, sen que se rexistrasen consecuencias graves.

Desde o servizo de socorrismo aproveitan o sucedido para lembrar a importancia de bañarse exclusivamente nas zonas habilitadas e de respectar en todo momento as indicacións dos profesionais, especialmente en áreas próximas ás rochas, onde as correntes poden resultar perigosas.