
A Asociación Ambulancia Medicalizada Costa da Morte denuncia que a atención a unha moza que sufriu unha posible reacción anafiláctica obrigou a mobilizar unha ambulancia básica, o PAC de Carballo e o helicóptero de emerxencias
Malpica. Unha situación de extrema gravidade vivida onte en Malpica volveu abrir o debate sobre a necesidade de contar cunha ambulancia medicalizada con base permanente na Costa da Morte. Unha moza esvaeceuse, perdeu a consciencia e, posteriormente, deixou de respirar, segundo relata a Asociación Ambulancia Medicalizada Costa da Morte.
A falta de confirmación médica, a asociación sinala que todo apunta a que a afectada puido sufrir un shock anafiláctico, unha reacción alérxica grave que pode provocar o peche das vías respiratorias e derivar rapidamente nunha parada cardiorrespiratoria.
Ante a situación, foi necesario activar un dispositivo no que participaron unha ambulancia básica de Carballo, o persoal sanitario do PAC de Carballo e o helicóptero de emerxencias H3.
Desde a asociación destacan que, cando se produce unha parada cardiorrespiratoria, a rapidez na intervención resulta determinante para as posibilidades de supervivencia e para reducir o risco de secuelas. Neste caso, segundo explican, a resposta puido desenvolverse grazas a que os recursos necesarios estaban dispoñibles nese momento.
Un dispositivo que a asociación considera insuficiente
A entidade reivindicativa considera que o ocorrido evidencia, unha vez máis, as dificultades existentes para garantir unha resposta sanitaria avanzada e inmediata na comarca.
A asociación lembra que, fóra do horario ordinario dos centros de saúde e durante as fins de semana, ante unha emerxencia grave en Malpica, os profesionais do PAC de Carballo deben desprazarse ata o municipio, mentres que outros recursos, como unha ambulancia medicalizada ou o helicóptero, poden atoparse atendendo outras emerxencias.
A pregunta que formula a entidade é que tería sucedido se o helicóptero non estivese dispoñible nese momento e fose necesario agardar pola chegada dunha ambulancia medicalizada desprazada desde A Coruña.
“Non podemos seguir dependendo de que os astros se aliñen para salvar unha vida”, sinala a asociación, que insiste en que a súa reivindicación dunha ambulancia medicalizada con base na Costa da Morte responde a unha necesidade asistencial e non a unha cuestión secundaria.
Recoñecemento aos profesionais
A Asociación Ambulancia Medicalizada Costa da Morte quixo tamén expresar o seu agradecemento ás persoas que interviñeron na emerxencia, tanto aos profesionais sanitarios como aos equipos de emerxencias e aos cidadáns que axudaron inicialmente na atención da afectada.
A entidade desexa á moza unha “pronta e total recuperación” e pon en valor a actuación de todos os efectivos mobilizados.
O episodio de Malpica volve así situar sobre a mesa unha reivindicación que a asociación mantén desde hai tempo: dotar a Costa da Morte dunha ambulancia de soporte vital avanzado (SVA) con base permanente, co obxectivo de reducir os tempos de resposta ante as emerxencias máis graves.
A Asociación Ambulancia Medicalizada Costa da Morte reclama, unha vez máis, a implantación deste recurso e advirte de que en situacións de risco vital cada minuto pode ser decisivo.