O PSdeG de Coristanco reclama unha actuación urxente ante unha fuga na rede principal de auga

Pérez Abelenda denuncia a falta de resposta ás reclamacións da veciñanza afectada

Coristanco, 11 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Coristanco reclama ao Concello unha actuación urxente para solucionar unha fuga de auga detectada na rede principal de abastecemento municipal, que estaría provocando filtracións e posibles danos nunha propiedade particular.

O voceiro socialista local, José Manuel Pérez Abelenda, denuncia que a veciñanza afectada leva tempo intentando comunicar esta situación ao Concello en reiteradas ocasións, sen que, segundo sinala, ata o momento recibise unha resposta axeitada nin se adoptase unha solución efectiva.

Pérez Abelenda considera especialmente preocupante a situación nun contexto no que o propio Concello está aplicando restricións ou medidas de limitación do consumo de auga. “Non ten sentido pedirlles aos veciños e veciñas que aforren auga e fagan un uso responsable dun recurso tan necesario mentres se permite que unha fuga na propia rede municipal continúe provocando a perda de auga”, sinala.

O socialista alerta, ademais, de que a fuga estaría ocasionando filtracións nunha propiedade particular, polo que advirte do risco de que a continuidade da incidencia poida provocar ou agravar danos materiais.

Ante esta situación, o Grupo Socialista de Coristanco solicita ao Goberno municipal que inspeccione de inmediato a zona, determine a orixe da fuga e proceda á reparación da avaría coa maior brevidade posible. Tamén reclama que se comproben os posibles danos ocasionados polas filtracións na propiedade afectada e que se informe á veciñanza sobre as actuacións previstas e os prazos para a súa execución.

“A xestión da auga debe facerse con responsabilidade, planificación e transparencia, especialmente nun contexto no que se están aplicando restricións á cidadanía”, afirma Pérez Abelenda.

“O que pedimos non é máis ca unha actuación responsable por parte do Concello: que se atenda aos veciños e veciñas, que se repare a fuga e que non se siga perdendo auga da rede pública mentres se pide á cidadanía que limite o seu consumo”, engade.

Desde o PSdeG-PSOE de Coristanco aseguran que continuarán facendo seguimento da situación e reclaman ao Goberno municipal que dea unha resposta aos afectados e adopte as medidas necesarias para solucionar a incidencia canto antes.