
O PSOE abstívose no expediente para non bloquear investimentos necesarios nas parroquias, pero advirte de que fiscalizará a execución dos contratos
A Laracha, 14 de agosto de 2026. O Grupo Municipal Socialista da Laracha criticou a “continua improvisación e falta de rigor orzamentario” do goberno local tras a aprobación inicial dun novo expediente de modificación de créditos por importe de 914.074,40 euros, financiado integramente con cargo ao Remanente de Tesouraría para Gastos Xerais.
A portavoz municipal do PSOE, Inés Ramos, sinalou que se trata do terceiro suplemento de crédito do ano, algo que, ao seu xuízo, “confirma a incapacidade do Concello para deseñar un orzamento realista e ben estruturado”, e que obriga ao municipio a vivir nun “parcheo económico constante”.
Ramos cuestionou especialmente que unha parte importante destes fondos se destine a cubrir necesidades xurdidas en proxectos xa adxudicados e en execución. Segundo explicou, son actuacións que inicialmente contaban cunha previsión económica inferior e que agora requiren novas achegas.
Entre os exemplos citados polos socialistas están os 99.000 euros adicionais para a reforma da Casa Consistorial, máis de 47.000 euros para a Reitoral de Montemaior e 123.000 euros para a reparación da cuberta da piscina municipal, cantidades que o goberno local xustifica en circunstancias non previstas inicialmente.
“Non podemos falar de erro puntual cando o modus operandi habitual do PP é licitar obras con proxectos mal definidos que logo acaban custando moito máis diñeiro a todos os veciños e veciñas da Laracha”, afirmou Ramos.
A portavoz socialista considera que o recurso recorrente ao remanente para afrontar sobrecustos evidencia problemas de planificación. “Usar continuamente o remanente para pagar sobrecustos e mala planificación non é xestionar, é tapar buratos”, engadiu.
Abstención para non bloquear investimentos
Malia as críticas á xestión económica municipal, o Grupo Socialista optou pola abstención na aprobación do expediente. O PSOE xustifica esta decisión “por responsabilidade coa veciñanza”, co obxectivo de non impedir investimentos que considera necesarios para diferentes parroquias.
O expediente contempla, entre outras actuacións, 44.518 euros para a mellora do alumeado público en Torás, Caión e Montemaior, 48.382 euros para a renovación do local social do Rapadoiro, en Coiro, e 36.000 euros para mellorar a seguridade dos xogos do parque infantil da Praza do Concello.
Tamén se inclúen 263.862 euros para a reforma do pavillón polideportivo de Paiosaco, unha das partidas de maior contía do expediente.
“A nosa postura é de estrita responsabilidade cos veciños e veciñas das distintas parroquias, que non teñen por que pagar as consecuencias da mala xestión do goberno municipal”, explicou Ramos.
A portavoz socialista insistiu en que a abstención non supón un aval á política económica do executivo local. “Apoiamos que eses cartos vaian a obras que fan falta, pero non imos dar un cheque en branco nin ser cómplices dunha política económica baseada no descontrol e no despilfarro”, afirmou.
O Grupo Municipal Socialista anunciou finalmente que fará un seguimento da execución das actuacións incluídas no expediente e que fiscalizará “ao detalle” tanto os contratos como os seus prazos de execución.