Alternativa Enxebre alerta de que o Goberno leva Urbanismo ao límite pola falta dunha solución definitiva á praza de arquitecto

Francisco Martínez Traba denuncia que o Concello foi advertido antes do nomeamento do actual arquitecto, leva máis de tres meses sen responder e, a poucos días de finalizar o nomeamento, segue sen aclarar que acontecerá a partir do 1 de setembro

Fisterra, 13 de agosto de 2026. — Alternativa Enxebre denuncia a falta de previsión e planificación do Goberno municipal de Fisterra ante a situación do actual arquitecto municipal interino, Vicente Rivas Negreira, cuxo nomeamento finaliza expresamente o próximo 31 de agosto de 2026.

O concelleiro Francisco Martínez Traba presentou un novo escrito no Concello para reclamar que se aclare a situación administrativa do técnico e, especialmente, que se concrete como se garantirá o funcionamento do Servizo Municipal de Urbanismo a partir do 1 de setembro.

Martínez Traba lembra que o pasado 3 de maio, antes de efectuarse o nomeamento, xa advertira por escrito dunha posible incidencia relacionada coa idade máxima de xubilación da persoa seleccionada. Nese escrito solicitaba que se comprobase expresamente a súa situación, tendo en conta tamén a carreira de cotización, así como un pronunciamento xurídico sobre a cuestión. Tamén pedía que, no caso de existir dúbidas, non se procedese ao nomeamento ata aclaralas.

«Nós advertimos o Concello antes do nomeamento. Ao día seguinte nomearon o arquitecto e, máis de tres meses despois, aínda seguimos sen saber que comprobacións realizaron, que informes existen e onde consta acreditado aquilo polo que preguntamos», sinala Martínez Traba.

Segundo a documentación municipal, Vicente Rivas foi nomeado funcionario interino do 4 de maio ao 31 de agosto de 2026.

Ante a ausencia de resposta ao escrito, Alternativa Enxebre levou a cuestión ao Pleno ordinario de xuño, sen obter unha explicación concreta sobre as comprobacións realizadas. O asunto volveu ser formulado no Pleno ordinario de agosto, no que, segundo explica Martínez Traba, a Alcaldía recoñeceu que unha eventual prolongación do nomeamento aínda estaba pendente de tramitación e que a situación relacionada coa idade de xubilación estaba sendo analizada xuridicamente.

«Isto é o máis grave: advertimos por escrito desta cuestión o 3 de maio e chegamos a mediados de agosto co propio Concello aínda estudando o problema. Que fixeron durante estes tres meses? E que vai pasar o 1 de setembro?», pregunta o concelleiro.

Un problema que vai máis alá do 31 de agosto

Para Alternativa Enxebre, a situación do actual arquitecto municipal é só a consecuencia máis inmediata dun problema de fondo: os sucesivos gobernos municipais continúan sen dar unha solución estrutural á praza de arquitecto municipal.

O actual nomeamento realizouse por exceso ou acumulación de tarefas, ao abeiro do artigo 10.1.d) do Estatuto Básico do Empregado Público, segundo recolle o propio decreto municipal.

«Estamos utilizando unha solución excepcional e temporal para unha necesidade que é permanente. Fisterra necesita un arquitecto municipal. Hai que modificar a RPT, crear a praza e iniciar o procedemento para cubrila de maneira estable. O resto son parches que simplemente trasladan o problema uns meses cara adiante», afirma Martínez Traba.

A formación responsabiliza desta situación tanto os anteriores gobernos como o actual e reclama que se explique por que a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) segue sen chegar ao Pleno.

«Cambian os gobernos e os alcaldes, pero a RPT segue sen resolverse e a praza de arquitecto continúa sen unha solución definitiva. Nós defendemos un Urbanismo con técnicos municipais estables e independentes, seleccionados conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade, e non un servizo permanentemente dependente de contratacións externas e solucións provisionais», sostén o concelleiro.

Martínez Traba advirte ademais de que mesmo unha eventual prolongación do actual arquitecto non resolvería o problema estrutural, ao tratarse dunha fórmula temporal.

«O reloxo segue correndo. Se non modifican a RPT, non crean a praza e non poñen en marcha o proceso para cubrila, volveremos acabar exactamente no mesmo punto: co Servizo de Urbanismo contra as cordas e co risco de quedar novamente paralizado», alerta.

Que pasará en Urbanismo a partir do 1 de setembro?

No novo escrito presentado no Concello, Martínez Traba reclama información sobre os informes existentes, a idade de xubilación que o Concello considera aplicable, se foi solicitada formalmente a prolongación do nomeamento, en que estado se atopa a súa tramitación e, sobre todo, que medidas están previstas para garantir o funcionamento do Servizo Municipal de Urbanismo a partir do 1 de setembro.

A solicitude foi formulada ao abeiro do dereito de información dos membros da Corporación e reclama unha resposta dentro do prazo legal de cinco días naturais.

Martínez Traba considera que o Concello dispuxo de tempo suficiente para anticipar a situación e reclama que non se volva actuar de maneira improvisada.

«Advertímolos antes do nomeamento, preguntamos no Pleno de xuño, volvemos preguntar no de agosto e agora volvemos requirilo por escrito. Se Urbanismo volve quedar paralizado pola falta de previsión e planificación, ninguén poderá dicir que non estaba advertido», conclúe o concelleiro.