
Hai uns días, a asociación ecoloxista ADEGA organizou un percorrido por Baldaio, en Carballo, para achegarse á riqueza natural deste espazo e coñecer de primeira man a súa flora e fauna.
Ao longo da actividade, as persoas participantes puideron observar diferentes especies de gaivotas e descubrir as plantas pioneiras que colonizan as dunas. Estas especies desempeñan un papel fundamental na formación e conservación do sistema dunar, contribuíndo á súa estabilidade e protección.
O percorrido permitiu tamén coñecer a transición entre os ambientes de auga salgada e de auga doce, un cambio que dá lugar á marisma de Baldaio, un espazo de grande valor ecolóxico e paisaxístico.
Desde ADEGA queremos agradecer a todas as persoas que participaron nesta actividade e que contribuíron a facer deste percorrido unha oportunidade para coñecer, valorar e protexer o patrimonio natural de Baldaio.


