
Laxe volveu vivir hoxe unha das súas xornadas máis especiais coa celebración do Naufraxio 2026, Festa de Interese Turístico de Galicia, que reuniu a numerosos veciños, veciñas e visitantes arredor dunha das tradicións máis emblemáticas do municipio.
A xornada comezou co tradicional pasarrúas, seguido da misa e da procesión, na que a emoción e a devoción se mesturaron coa tradición coa celebración da característica Danza dos Arcos, un dos momentos máis recoñecibles desta festividade.
Un dos momentos máis agardados chegou coa representación do Naufraxio, que volveu trasladar ao público a intensidade e o dramatismo dunha tradición profundamente ligada á identidade mariñeira de Laxe. A representación estivo acompañada pola emoción de veciños e visitantes, que viviron de preto unha das escenas máis significativas da celebración.
A xornada completouse coa tradicional procesión marítima, poñendo en valor a estreita relación de Laxe co mar e coa súa historia mariñeira.
Un ano máis, o Naufraxio converteuse nun punto de encontro para a veciñanza e para todas as persoas que se achegaron ata Laxe para compartir unha celebración marcada pola tradición, a emoción e o sentimento mariñeiro.
O Naufraxio 2026 deixa así unha nova xornada para o recordo e reafirma o seu papel como unha das grandes celebracións culturais e tradicionais de Laxe.