
A Xunta de Galicia puxo en valor o papel do V Foro *Xuntos contra os abusos sexuais* como punto de encontro de referencia a nivel nacional para profesionais e entidades dedicadas á protección da infancia.
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou na inauguración deste encontro, no que agradeceu a implicación dos expertos e o seu compromiso coa mellora continua das ferramentas de prevención, detección e tratamento do abuso sexual infantil.
Durante a súa intervención, Rey salientou a importancia de promover a colaboración entre os distintos ámbitos profesionais para avanzar na loita contra esta problemática e reforzar a protección dos nenos, nenas e adolescentes.
O foro nace coa vontade de favorecer o diálogo e o intercambio de coñecementos desde as perspectivas social, xurídica e sanitaria, co obxectivo de abordar o abuso sexual infantil de maneira integral e avanzar na construción de respostas máis eficaces ante esta realidade.
Con esta quinta edición, o encontro consolídase como un espazo de reflexión, cooperación e posta en común de experiencias entre os profesionais e as entidades implicadas na defensa dos dereitos e o benestar da infancia.
