A Xunta dá luz verde ambiental ao plan parcial do Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte

O proxecto, situado en Zas, ordenará máis de 437.000 metros cadrados e permitirá resolver as conexións exteriores do futuro parque

A Xunta de Galicia vén de dar luz verde ambiental ao plan parcial do Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, situado no concello de Zas. O informe ambiental estratéxico elaborado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático conclúe que non son previsibles efectos adversos significativos derivados da actuación, sempre que se cumpran as condicións establecidas na propia resolución.

O plan ten como obxectivo establecer a ordenación detallada do sector e resolver as súas conexións exteriores, articulando unha superficie total de 437.812 metros cadrados. Deste ámbito, 351.850 m² corresponden ao sector de solo urbanizable industrial AR-Sector-I3 do PXOM, coñecido como Polígono Monte Vello; 73.879 m² destínanse a zonas verdes e 5.613 m² ao sistema viario.

O recinto sitúase ao noroeste do municipio de Zas, entre a localidade de Baio e o polígono industrial da Cebola de Abaixo.

Sen impactos ambientais significativos

A resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia, enmárcase no procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do plan parcial. Durante a súa tramitación, a documentación presentada polo promotor foi sometida á consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador da proposta como o documento ambiental estratéxico estiveron dispoñibles para consulta pública no portal da Consellería.

Segundo a Xunta, durante este período non se recibiron observacións nin suxestións de carácter ambiental.

O informe establece, con todo, unha serie de condicións relacionadas principalmente co abastecemento e o saneamento, a mobilidade e os posibles ruídos asociados ao tráfico que xere o novo desenvolvemento.

Unha vez emitido, o informe foi remitido ao promotor e ao Concello de Zas, como órgano substantivo, e fíxose público coa súa publicación oficial e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Unha nova malla viaria

A ordenación proposta contempla unha malla viaria xerarquizada para organizar os accesos e as comunicacións do parque. O acceso principal realizarase desde a estrada AC-404, mediante unha glorieta, mentres que se prevé unha nova conexión cara ao leste para enlazar co polígono industrial xa existente.

O deseño tamén concentra as zonas verdes en contacto co solo rústico, favorecendo unha transición entre o ámbito urbanizado e o contorno natural.

Así mesmo, o plan contempla unha parcela destinada a equipamento e permite a construción de edificacións illadas dun máximo de dúas plantas e oito metros de altura, xunto con outras modificacións destinadas a configurar a ordenación definitiva do futuro parque.

Con esta aprobación ambiental, o plan parcial avanza na súa tramitación para ordenar e dotar de conexións exteriores o Parque Científico e Tecnolóxico da Costa da Morte, unha actuación que permitirá estruturar este ámbito industrial e tecnolóxico no contorno de Baio.