
Dúas persoas, un home e unha muller, foron trasladadas este domingo a un centro hospitalario despois de resultar feridas nun accidente múltiple rexistrado en Ribeira. Ambos eran ocupantes dun dos tres vehículos implicados no sinistro.
O accidente produciuse arredor da unha e media do mediodía na avenida de Ferrol, á altura do número 43, onde se rexistrou unha colisión por alcance na que estiveron implicados tres vehículos.
No vehículo no que viaxaban os dous feridos tamén se atopaba o seu fillo, un bebé, que foi trasladado igualmente ao centro hospitalario de referencia por un familiar.
Tras recibir o aviso dun particular, o 112 Galicia mobilizou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, efectivos da Agrupación do Servizo de Emerxencias Municipal (GAEM), voluntarios de Protección Civil de Ribeira e a Policía Local.
Segundo informou o 112 Galicia, unha vez rematada a intervención dos servizos de emerxencias, confirmouse que foron tres os vehículos implicados no accidente e que os pais do bebé precisaron ser trasladados a un centro hospitalario para recibir atención médica.