O PSOE do Porto do Son alerta da situación económica do Concello tras a solicitude dun préstamo de 549.000 euros

Os socialistas cuestionan a xestión económica do goberno do PP e reclaman explicacións sobre o endebedamento municipal

O Grupo Municipal Socialista do Porto do Son mostrou a súa preocupación pola situación económica do Concello despois de que o goberno local levase ao Pleno unha operación de crédito a longo prazo por importe de 549.132 euros para financiar diferentes obras e investimentos municipais.

Desde o PSOE aseguran que comparten a necesidade de executar as actuacións incluídas no expediente, entre elas as obras de saneamento en Basoñas, Seoanes e Queiruga, a renovación do parque infantil de Nebra, a cuberta do consultorio de Portosín, a Casa da Cultura de Caamaño e diversas melloras en vías municipais.

“Non imos votar en contra de facer un saneamento ou de arranxar unha estrada que o necesita. Nunca o fixemos. Do mesmo xeito que apoiamos modificacións de crédito cando é necesario pagar facturas ou atender obrigas do Concello”, sinalan os socialistas. Porén, consideran necesario explicar “como chegamos á situación de ter que pedir máis de medio millón de euros a unha entidade bancaria para poder facer estas obras”.

A formación socialista considera especialmente difícil de entender esta situación tendo en conta que o Porto do Son dispón actualmente dos orzamentos máis elevados da súa historia e que nos últimos anos se produciron diferentes subidas de impostos e taxas municipais.

“Viñemos de continuas subidas de impostos co argumento de que era necesario incrementar os ingresos municipais. Temos máis orzamento ca nunca e agora, ademais, temos que acudir ao banco. Cremos que é lóxico preguntarlle ao goberno local que está pasando coas contas do Concello”, apuntan.

Críticas ao cambio de posición sobre a débeda

O PSOE lembra tamén que durante anos o Partido Popular utilizou como argumento da súa xestión económica o feito de que o Concello do Porto do Son non tiña débeda con entidades bancarias, aínda que existisen cantidades pendentes con outras administracións.

“Era algo do que presumían continuamente. Por iso chama aínda máis a atención que agora sexa o propio goberno do PP o que propoña volver ao endebedamento bancario cun préstamo de máis de medio millón de euros”, indican.

Os socialistas cuestionan, ademais, a planificación do goberno municipal, xa que a propia Alcaldía cualifica no expediente as actuacións como urxentes e prioritarias e, ao mesmo tempo, foi necesario tramitar un crédito extraordinario ao non existir crédito suficiente para executalas.

“Se eran obras prioritarias, algunhas delas ademais correspondentes a necesidades que veñen de atrás, o normal sería que estivesen previstas. Estamos falando de saneamento, estradas, parques ou edificios municipais, non de actuacións que aparecesen de maneira inesperada”, sosteñen.

Advertencias dos informes de Intervención

A preocupación do Grupo Socialista aumenta, segundo explican, polo contido dos informes de Intervención que acompañan o expediente.

Nun deles advírtese de que o financiamento de investimentos mediante débeda prexudica o cumprimento do obxectivo de estabilidade no exercicio no que se produce o gasto. O informe sobre estabilidade conclúe, ademais, que coa modificación proposta non se cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria e apunta á necesidade de adoptar medidas de contención do gasto e/ou de incremento dos ingresos non financeiros.

“Non estamos dicindo que o Concello non poida pedir este préstamo nin cuestionamos a súa legalidade. O que dicimos é que estes informes merecen ser tomados en serio. Non parece razoable presumir dunha situación económica extraordinaria cando o propio interventor está facendo este tipo de advertencias”, afirma o PSOE.

A formación insiste en que a súa posición non pretende frear os investimentos previstos. “Queremos que se fagan as obras, porque son necesarias. Pero tamén temos a responsabilidade de controlar como se administran os cartos de todos”, sinalan.

Solicitan información sobre o custo do préstamo

Por este motivo, o Grupo Municipal Socialista reclamará ao goberno local información detallada sobre as condicións da operación de crédito, incluíndo o prazo de devolución, os xuros e o custo total que terá para as arcas municipais.

Os socialistas tamén queren coñecer se o Concello prevé recorrer a novas operacións de crédito para financiar investimentos nos próximos exercicios.

“Despois de anos de subidas de impostos, cos maiores orzamentos que tivo Porto do Son e despois de escoitar durante anos que este Concello non debía cartos aos bancos, ter que solicitar agora un préstamo de 549.000 euros parécenos un síntoma preocupante e cremos que o goberno municipal debe dar explicacións”, conclúe o Grupo Municipal Socialista.