Martina Aneiros destaca a consolidación do Campionato de Bodyboard Cidade de Ferrol como referente estatal

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da novena edición do Campionato de Bodyboard Cidade de Ferrol, que se celebrará entre os días 28 e 30 de agosto na praia de Penencia.

No acto participaron tamén o concelleiro de Deportes de Ferrol, Ricardo Aldrey; o presidente do Club Bodyboard Ferrol, José Harto; e o bodyboarder ferrolán Bruno Martín.

Durante a presentación, Aneiros puxo en valor a importancia deste evento deportivo para a cidade, destacando que o campionato conseguiu consolidarse como unha referencia do bodyboard a nivel estatal.

A delegada territorial salientou especialmente que Ferrol acolle a única proba da península da Liga Nacional 100% Bodyboard, un feito que reforza a posición da cidade como un dos principais referentes desta disciplina deportiva.

A competición reunirá na praia de Penencia deportistas e afeccionados ao bodyboard durante tres xornadas, nunha cita que combina a promoción do deporte, a participación e a proxección de Ferrol como destino vinculado aos deportes de mar.