
O centro contará no curso 2026-2027 con tres unidades e catro postos docentes, fronte aos seis actuais
Vimianzo, 26 de agosto de 2026. O BNG de Vimianzo mostrou a súa preocupación polo recorte de profesorado e unidades no CEIP Baíñas para o curso 2026-2027, tras coñecer a orde publicada pola Consellería de Educación. Segundo a formación nacionalista, o centro pasará de contar con seis postos docentes a dispoñer de tan só catro, mentres que o número de unidades quedará reducido a tres.
Esta situación obrigará a concentrar o alumnado de Infantil e Primaria nun menor número de grupos, unha medida que, segundo o BNG, pode dificultar a atención individualizada e a resposta ás diferentes necesidades educativas do alumnado.
Desde a formación nacionalista consideran “especialmente preocupante” que este tipo de recortes afecten novamente aos servizos públicos do rural. “A escola de Baíñas non é só un centro educativo: é un servizo fundamental para as familias e un elemento esencial para manter viva a parroquia”, sinalaron.
Neste sentido, o BNG advirte de que “reducir os seus recursos significa tamén restarlle oportunidades e futuro” ás familias e á propia parroquia.
Ante esta situación, a formación nacionalista anunciou que promoverá con carácter urxente as iniciativas necesarias tanto a nivel parlamentario como municipal para reclamar a reversión dos recortes.
“Reclamaremos á Educación que reconsidere esta decisión e manteña os recursos docentes e as unidades necesarias para garantir a calidade educativa no CEIP Baíñas”, manifestou o BNG.
Os nacionalistas insistiron en que “defender a escola pública no rural é defender o futuro das nosas parroquias” e reclamaron á Xunta que garanta os recursos necesarios para manter unha educación pública de calidade no centro de Baíñas.
