O Concello de Carballo completa a auditoría anual da certificación ambiental EMAS nas praias

A avaliación externa revisou a xestión ambiental, o cumprimento da normativa e os obxectivos de mellora continua

O Concello de Carballo vén de completar a auditoría anual da certificación ambiental EMAS, un sistema europeo de xestión e auditoría ambiental que somete a xestión municipal a unha avaliación externa e esixe, ademais do cumprimento da normativa, un proceso de mellora continua.

Durante os últimos días, a empresa auditora encargada do proceso revisou a documentación e os principais indicadores ambientais, así como a xestión dos residuos, os consumos, as emisións, os servizos e a sinalización. Tamén se comprobaron os protocolos de emerxencia, o cumprimento dos obxectivos establecidos e o funcionamento dos distintos procedementos mediante visitas e comprobacións in situ.

Esta semana tivo lugar a reunión final da auditoría, na que a empresa trasladou ao Concello os resultados do proceso e os aspectos detectados durante a avaliación. Na reunión participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Medio Ambiente e Praias, Miguel Vales; persoal técnico municipal e o xefe de Protección Civil, Javier Souto.

A certificación EMAS permite ao Concello medir e avaliar de maneira sistemática o impacto ambiental da actividade desenvolvida nas praias incluídas no seu ámbito, detectar posibles áreas de mellora e establecer novas medidas para avanzar cara a unha xestión cada vez máis eficiente e sostible.

O proceso de auditoría forma parte, así, do traballo que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano para garantir a protección e conservación das praias de Carballo e seguir mellorando a súa xestión ambiental.

Coidar as nosas praias é un traballo de todo o ano.