Alternativa Enxebre Fisterra denuncia que a estrada de Padrís leva un ano paralizada tras a moción de censura

A formación asegura que o proxecto foi impulsado polo anterior goberno municipal e reclama ao actual executivo que retome a actuación

Fisterra. Alternativa dos Veciños de Fisterra, baixo a marca Alternativa Enxebre, saíu ao paso das críticas sobre a situación da estrada de Padrís e defende, con base na documentación administrativa do proxecto, que a actuación foi impulsada e tramitada polo anterior equipo de goberno entre xuño de 2023 e agosto de 2025.

Segundo explica a formación, a obra foi incorporada ao primeiro Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación da Coruña correspondente ao ano 2024, nada máis acceder ao goberno municipal. O Pleno da Deputación aprobou este plan o 31 de maio de 2024.

A tramitación continuou coa obtención por parte do Concello das autorizacións sectoriais necesarias. Unha vez completado este proceso, a Deputación aprobou definitivamente o investimento o 15 de outubro de 2024.

O seguinte paso chegou o 4 de febreiro de 2025, coa apertura do procedemento de licitación da obra. Porén, o concurso quedou deserto ao non presentarse ningunha empresa. Alternativa dos Veciños atribúe esta situación ao desaxuste existente entre os prezos previstos inicialmente e os custos reais do mercado, unha circunstancia que, segundo sinala, afecta con frecuencia á contratación pública local.

Ante a ausencia de ofertas, o 21 de febreiro de 2025 declarouse deserta a adxudicación e o Concello iniciou a redacción dun proxecto modificado, co obxectivo de actualizar os custos e facer viable unha nova licitación. O documento foi posteriormente remitido á Deputación como paso previo á continuación do procedemento.

A formación sitúa o punto de interrupción da tramitación no 19 de agosto de 2025, coincidindo coa moción de censura que provocou o cambio no goberno municipal e levou o Partido Popular á Alcaldía.

Desde Alternativa Enxebre sosteñen que nese momento quedaba pendente o paso final para sacar novamente a obra a licitación, xa co proxecto actualizado. A formación considera, polo tanto, que o actual executivo municipal dispuxo desde entón de tempo suficiente para retomar a actuación.

“Transcorridos 12 meses, o actual executivo dispuxo de marxe suficiente para priorizar esta actuación”, sinalan desde Alternativa dos Veciños de Fisterra.

A formación conclúe que a responsabilidade de que os veciños e veciñas continúen agardando polas melloras na estrada de Padrís non debe atribuírse ao anterior equipo de goberno, ao entender que este deixou avanzada a tramitación e preparada a documentación necesaria para unha nova licitación.