A Xunta recibe en Santiago a 80 peregrinos con discapacidade que completaron o Camiño en bicicletas adaptadas

Begoña Abeijón destaca a importancia do deporte adaptado e da accesibilidade para avanzar na inclusión das persoas con discapacidade.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026.– A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, recibiu esta mañá na praza do Obradoiro un grupo de 80 persoas con discapacidade, familiares e amigos que completaron o Camiño de Santiago en bicicletas adaptadas, unha iniciativa impulsada pola Fundación También que combina deporte, convivencia e inclusión.

Durante o encontro, Abeijón felicitou os participantes por completar esta experiencia e puxo en valor a importancia de iniciativas deste tipo para dar visibilidade ás persoas con discapacidade, promover a súa participación social e seguir avanzando na creación de actividades e espazos accesibles para todos.

A directora xeral tamén agradeceu á Fundación También o seu compromiso coa realización anual desta peregrinación, que leva organizando desde o Xacobeo de 2004, hai xa 22 anos. Neste sentido, destacou o labor da entidade á hora de demostrar que as persoas con discapacidade poden afrontar novos retos e gozar do deporte e do lecer en condicións de inclusión.

A Fundación También traballa para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade a través do deporte adaptado e do lecer inclusivo. A entidade conta coa xornalista e escritora Irene Villa como embaixadora e promove iniciativas destinadas a favorecer a autonomía persoal, a participación e a igualdade de oportunidades.

A chegada á praza do Obradoiro puxo o broche final a unha experiencia que, ademais de permitir aos participantes completar o Camiño de Santiago, contribúe a visibilizar a importancia da accesibilidade e a construír unha sociedade máis inclusiva.