
O Concello de Fisterra e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar impulsan diversas actuacións para renovar e mellorar as instalacións da escola infantil
A Escola Infantil A Galiña Azul de Fisterra está a experimentar estes días diversas actuacións de mellora, froito do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Fisterra.
O acordo, asinado polo alcalde de Fisterra, Luis Insua, e o xerente do Consorcio Galego, Perfecto Rodríguez, permite levar a cabo diferentes traballos destinados a mellorar o estado e as condicións dos espazos da escola infantil.
Entre as actuacións previstas destacan o pintado da fachada exterior e dos espazos interiores, así como diferentes reparacións nas aulas e no comedor. Tamén se están realizando traballos de mellora en portas, falsos teitos e outros elementos das instalacións.
Estas intervencións permitirán que a escola conte con espazos máis coidados, seguros e confortables para as nenas e nenos que utilizan diariamente este servizo, contribuíndo tamén a mellorar as condicións de traballo do persoal do centro.
Desde o Concello de Fisterra agradecen ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a súa colaboración e apoio para facer posible estas actuacións.
O Goberno local reafirma así o seu compromiso coa educación, coa infancia e co benestar das familias de Fisterra, apostando polo mantemento e a mellora dos espazos educativos e pola prestación de servizos públicos de calidade.




