
Un veleiro francés duns doce metros de eslora tivo que ser rescatado este luns a primeira hora da tarde despois de quedar á deriva nas inmediacións do porto de Muros.
A embarcación, que nese momento se atopaba sen tripulación a bordo, comezou a desprazarse sen control e aproximouse perigosamente a unha zona de bateas. A rápida intervención dun mariñeiro da localidade e dos efectivos do GES de Muros permitiu recuperar o veleiro antes de que se producisen danos.
Segundo as primeiras informacións, o incidente tería a súa orixe nun fondeo insuficiente. Ao parecer, os ocupantes do veleiro botaran a áncora coa marea baixa e largaran unicamente uns tres metros de cadea.
Coa posterior subida do nivel do mar, esa lonxitude resultou insuficiente e a propia embarcación acabou levantando a áncora. O veleiro comezou así a navegar á deriva, sen que houbese ninguén a bordo que puidese recuperar o control.
A intervención dos equipos de emerxencia evitou que a embarcación alcanzase as bateas e que o incidente provocase danos materiais ou outros riscos na zona portuaria.