
Os servizos sanitarios practicaron manobras de reanimación, pero só puideron confirmar o falecemento. A Policía Nacional traballa para esclarecer as circunstancias do suceso.
Unha persoa faleceu este xoves en Pontevedra tras ser rescatada do interior dunha piscina situada no lugar de Touceda, na parroquia de Alba.
O 112 Galicia recibiu o aviso arredor das 9:30 horas, cando un particular informou de que había unha persoa no interior dunha piscina. Durante unha das chamadas, un familiar sinalou que permanecía inconsciente.
Ata o lugar desprazáronse os servizos de emerxencias. Cando chegaron os Bombeiros de Pontevedra, a persoa xa fora sacada da auga.
Os efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 practicaron manobras de reanimación, aínda que finalmente só puideron confirmar o seu falecemento.
No operativo tamén participaron efectivos da Policía Nacional, que investigan as circunstancias nas que se produciu o suceso para tratar de esclarecer o ocorrido.
Polo momento, non transcenderon máis datos sobre a identidade da persoa falecida nin sobre as causas do incidente.
