Alternativa Enxebre denuncia a falta de actuación na Rúa Cedeiras, en Vilarrodís

O grupo municipal reclama novamente ao Goberno local a reparación e acondicionamento do firme dunha vía que continúa pendente meses despois da primeira solicitude

Arteixo. — Alternativa Enxebre de Arteixo volveu reclamar ao Goberno municipal a reparación e acondicionamento do firme da Rúa Cedeiras, en Vilarrodís, unha actuación que, segundo sinala a formación, xa fora solicitada no pasado mes de abril e que continúa sen executarse.

A formación trasladou novamente esta demanda no Pleno ordinario do mes de agosto, mediante un rogo no que solicitou ao Concello que actúe para solucionar o estado da vía.

Segundo Alternativa Enxebre, durante a sesión plenaria o concelleiro José Antonio Calvelo (Peque) foi o encargado de responder á petición. A formación critica duramente os argumentos ofrecidos polo responsable municipal e considera que evidencian, ao seu xuízo, unha falta de vontade para dar resposta ás necesidades da veciñanza.

“O do actual Goberno municipal do PP de Calvelo é unha auténtica vergonza”, afirma Alternativa Enxebre, que cuestiona tamén que as respostas ofrecidas desde o Goberno local sexan diferentes en función do responsable que interveña.

A formación denuncia que, mentres o Executivo municipal “se pasa as responsabilidades e busca escusas”, a Rúa Cedeiras continúa sen ser arranxada e a veciñanza segue esperando por unha solución.

Alternativa Enxebre asegura que continuará trasladando ao Pleno as demandas veciñais e reclama ao Goberno municipal que adopte medidas para resolver o problema dunha vía que, segundo denuncia, leva meses á espera dunha actuación.

“Seguiremos dando voz ás demandas veciñais”, conclúe a formación.