
A Xunta habilitará unha área de 170 metros cadrados para a Unidade de Condutas Adictivas e incorporará medidas específicas no novo Plan de Saúde Mental 2026-2030
Noia (A Coruña), 3 de setembro de 2026. A atención ás persoas con adiccións en Noia contará cun novo espazo no futuro centro de saúde da localidade. Así o anunciou este xoves o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, durante a súa visita á Unidade de Condutas Adictivas (UCA) de Noia, na que tamén avanzou novas medidas neste ámbito a través do futuro Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030.
Gómez Caamaño estivo acompañado pola secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; o xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio; e a subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, Almudena Díaz.
O futuro centro de saúde contará cun espazo específico de 170 metros cadrados construídos na planta baixa para a Unidade de Condutas Adictivas. Terá acceso independente e disporá de zonas destinadas á dispensación de metadona e á súa administración, así como dun despacho de traballo social e consultas de psiquiatría e psicoloxía.
Máis de 7.400 persoas atendidas en Galicia
O conselleiro destacou que, desde xaneiro deste ano, as 13 unidades municipais de atención ás drogodependencias de Galicia forman parte da estrutura do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Estas unidades atenderon durante 2025 a máis de 7.400 persoas. Para o seu funcionamento, os orzamentos da Xunta destinan este ano máis de 4,8 millóns de euros de financiamento directo.
A esta contía súmanse outros 8 millóns de euros destinados aos convenios con asociacións e entidades que traballan no ámbito das adiccións.
A UCA de Noia atendeu 207 persoas en 2025
A Unidade de Condutas Adictivas de Noia atendeu o pasado ano a 207 persoas e dá cobertura, ademais de ao propio municipio, aos concellos de Lousame, Porto do Son, Outes, Muros e Carnota.
O equipo está formado por catro profesionais: un médico-psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha traballadora social e unha auxiliar de clínica.
A unidade ofrece unha atención integral que inclúe o tratamento das adiccións, a dispensación de metadona, a atención á patoloxía dual, a prevención, a redución de danos e a incorporación social.
Gómez Caamaño puxo en valor o traballo desenvolvido por estes profesionais e salientou o seu papel na atención aos pacientes e ás súas familias.
As adiccións terán un papel específico no novo Plan de Saúde Mental
O proceso de integración das unidades de condutas adictivas no Sergas terá continuidade no novo Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que será presentado proximamente.
Segundo avanzou o conselleiro, o documento incluirá entre as súas liñas estratéxicas a atención aos trastornos adictivos e permitirá avanzar na prevención e detección precoz, na resposta ás novas formas de adicción e nunha maior integración destes dispositivos coa rede de saúde mental.
Gómez Caamaño definiu o novo plan como unha importante folla de ruta para os próximos anos no ámbito da saúde mental en Galicia.
Máis de 10 millóns para o novo centro de saúde
Durante a súa intervención, o conselleiro tamén informou sobre o avance do proxecto do novo centro de saúde de Noia, para o que a Xunta prevé un investimento de máis de 10 millóns de euros.
O futuro edificio contará con preto de 4.200 metros cadrados, fronte aos 1.780 metros cadrados do actual centro, polo que duplicará practicamente a súa superficie.
O proxecto continúa en fase de tramitación e a previsión da Xunta é completar nos próximos meses a súa supervisión e aprobación. A partir de aí, continuarían os trámites necesarios para a contratación e o posterior inicio das obras.
O novo centro permitirá ampliar e modernizar a atención sanitaria en Noia e incorporará tamén un espazo específico para a atención ás persoas con condutas adictivas.
O conselleiro rematou a súa intervención agradecendo o traballo dos profesionais da Unidade de Condutas Adictivas de Noia e a súa implicación na atención diaria aos pacientes e ás súas familias, así como no proceso de integración destas unidades no Sergas.






