A Deputación licita por 235.000 euros a renovación do firme da estrada de acceso á Zapateira

A actuación, cun prazo de execución de tres meses, permitirá renovar máis de 1,5 quilómetros da DP-3006 e mellorar a seguridade viaria nunha vía que rexistra máis de 7.500 vehículos diarios

A Deputación da Coruña vén de licitar as obras de renovación da capa de rodaxe da estrada provincial DP-3006, principal vía de acceso á zona da Zapateira, cun orzamento de 235.110,31 euros. A actuación desenvolverase entre os puntos quilométricos 2+500 e 4+020, nun tramo de algo máis de 1,5 quilómetros.

O proxecto ten como principal obxectivo mellorar o estado do firme dunha estrada que soporta unha importante intensidade de tráfico. Segundo os datos da estación de aforo situada no punto quilométrico 2+700, no tramo comprendido entre a AC-14 e a estrada do Real Club de Golf, a vía rexistra unha intensidade media diaria de 7.557 vehículos, dos que 189 corresponden a vehículos pesados.

Os traballos comezarán co despexe e limpeza das cunetas situadas nas dúas marxes da estrada. Posteriormente procederase ao fresado do firme existente, cunha profundidade de catro centímetros, para a continuación estender unha nova capa de seis centímetros de mestura bituminosa en quente.

A actuación incluirá tamén a renovación da sinalización horizontal, así como o recrecido das tapas de rexistro dos pozos e sumidoiros para adaptalas á nova rasante da estrada. O proxecto contempla igualmente os correspondentes traballos de xestión de residuos e outras actuacións accesorias necesarias para completar a intervención.

Un carril aberto durante as obras

Co obxectivo de minimizar as molestias aos usuarios da vía, os traballos organizaranse por fases. Actuarase inicialmente nunha das marxes da estrada e posteriormente na outra, de maneira que un dos dous carrís permaneza aberto ao tráfico en todo momento.

A intervención non require a realización de expropiacións, xa que todas as actuacións previstas se desenvolverán dentro do dominio público da estrada provincial.

O prazo estimado para completar as obras é de tres meses desde o seu inicio.

Con esta nova actuación, a Deputación da Coruña continúa co seu programa de conservación e modernización da rede provincial de estradas, cunha intervención destinada a mellorar tanto as condicións do firme como a seguridade viaria nun dos principais accesos á zona da Zapateira.