A Xunta licita por máis de 2,5 millóns de euros o equipamento electromédico e o mobiliario clínico da primeira fase do Plan Director do CHUF

O contrato, dividido en 16 lotes, inclúe desfibriladores, ecógrafos, electrocardiógrafos, monitores de constantes vitais, sistemas de dispensación de medicamentos e diverso equipamento clínico

A Xunta de Galicia licitou por un importe de 2.539.205,57 euros o subministro de equipamento electromédico e mobiliario clínico destinado ao servizo de Urxencias e ás distintas áreas incluídas na primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

O procedemento, publicado no Portal de Contratos Públicos de Galicia, contempla a adquisición de diverso equipamento sanitario, entre o que se inclúen desfibriladores, ecógrafos, electrocardiógrafos de 12 canles, monitores de constantes vitais, monitores de PCO₂ transcutáneo e sistemas automáticos de dispensación de medicamentos (SADME).

O contrato incorpora tamén mobiliario e equipamento clínico necesario para a posta en funcionamento das novas instalacións. Así, prevese o subministro de camillas, carros de curas, un tomógrafo de coherencia óptica, unha consola de otorrinolaringoloxía, humidificadores con xerador de alto fluxo, lavacuñas termodesinfectadoras, grúas de teito, lámpadas de teito, cabeceiros de parede e cabeceiros suspendidos de altas prestacións, entre outros elementos.

O expediente está dividido en 16 lotes e inclúe, ademais do subministro, a distribución, instalación e posta en marcha dos equipamentos cando sexa necesario.

Equipamento para diferentes servizos hospitalarios

Os materiais e dispositivos adquiridos terán como destino diferentes áreas do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, entre elas Urxencias, Urxencias Pediátricas, Nefroloxía, a UCI de adultos e neonatos, as áreas de hospitalización e Cardioloxía.

As empresas interesadas en participar na licitación poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 2 de outubro.

Máis de 60 millóns para a primeira fase das obras

Esta actuación enmárcase no avance das obras correspondentes á primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que se centran na construción dos novos edificios Este e Sur, anexos ao Hospital Arquitecto Marcide.

Os traballos supoñen un investimento superior aos 60 millóns de euros e permitirán ampliar e modernizar as instalacións hospitalarias. Coa licitación deste novo equipamento, a Xunta avanza nos últimos traballos necesarios para a posta en servizo das novas Urxencias, prevista proximamente.

Paralelamente, o Goberno galego está a traballar na redacción do proxecto correspondente á fase final do Plan Director do CHUF. O investimento total previsto para o desenvolvemento do plan superará os 83 millóns de euros, consolidando a renovación e ampliación das infraestruturas do complexo hospitalario ferrolán.