
A delegada da Xunta na Coruña salienta que o programa xa permitiu apoiar 12 negocios en nove concellos da provincia
MUXÍA. A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, puxo en valor en Muxía a eficacia do Bono Remuda Rural para facilitar o relevo xeracional e garantir a continuidade de pequenos negocios viables no rural galego. A representante autonómica visitou este xoves Talleres Os Muíños S.L., un dos establecementos beneficiarios da convocatoria de 2025, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, e pola tenente de alcalde, Sandra Vilela.
Durante a visita, Belén do Campo explicou que o novo propietario do negocio contou cunha axuda máxima de 30.000 euros, mentres que a persoa que realizou o traspaso recibiu 6.000 euros, co obxectivo de facilitar o relevo e asegurar a continuidade da actividade.
A delegada destacou o impacto desta iniciativa na provincia da Coruña, onde o programa xa permitiu apoiar 12 negocios situados en nove concellos, cunha investimento superior aos 275.000 euros.
A Xunta incrementou este ano nun 20 % o orzamento do Bono Remuda, ata acadar os 1,5 millóns de euros, co propósito de seguir impulsando o relevo xeracional e contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica nos concellos galegos.
“O Bono Remuda destaca pola súa eficacia á hora de facilitar a continuidade dos pequenos negocios e apoiar as iniciativas emprendedoras, contribuíndo a manter o emprego e a actividade económica nos nosos concellos”, sinalou Belén do Campo.
Dúas modalidades de axudas
O programa concédese en réxime de concorrencia non competitiva e por orde de presentación das solicitudes, a través de dúas modalidades.
Por unha banda, o Bono Remuda Rural está destinado aos negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes e subvenciona o 75 % do importe do contrato de relevo.
Por outra, o Bono Remuda Xeral diríxese aos municipios de maior poboación e cobre o 70 % do custo. A contía máxima da axuda sitúase, con carácter xeral, nos 30.000 euros, sen prexuízo das excepcións previstas na convocatoria.
Belén do Campo lembrou que o Bono Remuda forma parte da orde única de axudas da Xunta para as persoas traballadoras autónomas, integrada por cinco programas destinados a favorecer o emprendemento, consolidar a actividade económica e facilitar a conciliación.
28,9 millóns para impulsar o emprego autónomo
Entre as novidades da convocatoria deste ano destaca a ampliación da cota cero para as persoas que inicien unha actividade relacionada coa agricultura, a gandaría ou a silvicultura. Nestes casos, a cobertura amplíase ata dous anos, fronte aos doce meses previstos na liña xeral.
A liña de promoción do emprego autónomo conta cunha dotación de 28,9 millóns de euros. A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, dotado con 1,5 millóns de euros para facilitar o retorno ao autoemprego; o Bono Autónomo, con 8 millóns de euros para apoiar investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade; e unha liña de incentivos á conciliación familiar, cun orzamento de 750.000 euros.
O interese por este tipo de axudas queda reflectido no feito de que o Bono Remuda esgotou recentemente o crédito dispoñible para este ano, o que evidencia a demanda existente entre as persoas emprendedoras e titulares de pequenos negocios interesados en garantir a continuidade das súas actividades.
