O BNG de Dumbría reclama de novo a creación dun centro de día ante a falta de horas de SAF

Xaime Trillo advirte de que “a situación é límite” e considera “cada vez máis urxente” contar cun recurso de atención ás persoas dependentes no municipio

Dumbría, 4 de setembro de 2026. O BNG de Dumbría volveu reclamar a creación dun centro de día no municipio para atender as necesidades das familias con persoas dependentes. O portavoz municipal da formación nacionalista, Xaime Trillo, levou novamente esta cuestión ao pleno ordinario celebrado este xoves, 3 de setembro, no que preguntou ao goberno local polas xestións realizadas para avanzar na apertura deste servizo.

Trillo destacou que a posta en marcha dun centro de día é “cada día máis urxente” en Dumbría, especialmente para aquelas familias que teñen ao seu cargo persoas maiores con elevados niveis de dependencia.

Segundo explicou o portavoz nacionalista, moitas familias teñen dificultades para compatibilizar a súa vida laboral e familiar cos coidados que precisan as persoas dependentes, “sobre todo de grao severo ou grandes dependentes”.

“A situación é límite no noso concello, onde non abondan as horas de SAF, porque as persoas dependentes están nesa situación as 24 horas do día, non as tres ou catro que teñen ese servizo”, sinalou Trillo.

O BNG lembra que xa o pasado ano presentara unha moción no pleno municipal para reclamar que a Corporación instase á Xunta de Galiza a executar a construción dun centro de día en Dumbría. A iniciativa contemplaba un equipamento cun mínimo de 25 prazas.

A proposta saíu adiante cos votos favorábeis do PSOE e do BNG, mentres que o PP optou pola abstención. Para os nacionalistas, é necesario que o acordo se traduza agora en xestións concretas que permitan dotar o municipio deste recurso asistencial.

O BNG pide tamén puntos violeta nas festas

Durante o pleno, o portavoz do BNG tamén solicitou ao goberno local que estableza puntos violeta nas festas que se celebren no municipio, como ferramenta de prevención e atención fronte ás violencias machistas e sexuais.

“Trátase dunha ferramenta importante para a información, prevención e apoio ante posíbeis casos de agresións machistas e sexuais”, afirmou Xaime Trillo.

O nacionalista explicou que estes espazos están concibidos como lugares seguros nos que ofrecer información e orientación, así como facilitar o acceso aos recursos de asistencia no caso de producirse algunha situación de violencia.

“Os puntos violeta están pensados para ser lugares seguros e que facilitan información clara sobre como actuar, ademais de conectar de forma directa ás afectadas cos servizos de asistencia”, engadiu o portavoz municipal do BNG.