
O Concello de Carballo recibiu 36 propostas no concurso convocado en colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para o deseño do futuro edificio para entidades sociais. O xurado reunirase no mes de agosto para iniciar o proceso de selección das catro ideas que pasarán á segunda fase.
A proposta gañadora será a adxudicataria do contrato de servizos para a redacción do proxecto e a dirección de obra por un importe de 205.880 euros, dos cales o seu autor recibirá 9.680 a conta como primeiro premio. O segundo será gratificado con 7.260 euros, e tanto o terceiro coma o cuarto están dotados con 4.840 euros.
O obxectivo do concurso é seleccionar a mellor proposta arquitectónica para a construción dun inmoble de 1.620 metros cadrados, que se situará no solar que ocupaban as antigas casas dos mestres, unha praza de acceso e a reurbanización da rúa Darwin. O orzamento da obra está estimado en 3.455.760,00 €.