

O Concello de Ponteceso vén de rematar as obras de mellora de dúas vías nos núcleos de Pazos de Arriba e Bugalleira, unhas actuacións destinadas a facilitar o acceso ás vivendas e negocios da zona e a mellorar a mobilidade e a seguridade viaria.
Os traballos forman parte do compromiso municipal coa mellora das infraestruturas viarias nas distintas parroquias do municipio, especialmente no ámbito rural, onde unhas boas comunicacións son fundamentais para garantir a calidade de vida da veciñanza.
O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, destacou a importancia de continuar actuando en todas as parroquias do concello para avanzar na mellora dos servizos e das condicións de vida da cidadanía.
Segundo explicou o rexedor, o obxectivo é mellorar “a calidade de vida en todas as nosas parroquias”, seguindo unha mesma maneira de traballar, baseada na “humildade e constancia”.
Desde o Concello sinalan que estas actuacións contribúen a contar con mellores accesos, maior seguridade viaria e unhas infraestruturas máis adecuadas para a veciñanza, ao tempo que se continúa avanzando na modernización do rural pontecesán.
O goberno municipal reafirma así o seu compromiso de seguir traballando na mellora das comunicacións e dos servizos públicos, atendendo ás necesidades dos diferentes núcleos e parroquias de Ponteceso.
