Alternativa Enxebre denuncia que O Portiño de Suevos leva máis de 13 anos á espera da súa regularización

Noelia Martínez Canosa reclama ao Goberno de Carlos Calvelo transparencia sobre os trámites pendentes e cuestiona a situación urbanística do núcleo ante o avance do desenvolvemento industrial de Punta Langosteira

Arteixo, 9 de setembro de 2026. — Alternativa Enxebre denuncia que os veciños e veciñas do Portiño de Suevos continúan á espera da culminación da regularización urbanística do núcleo despois de máis de trece anos de anuncios e compromisos por parte do Goberno municipal do Partido Popular, encabezado por Carlos Calvelo.

A concelleira de Alternativa Enxebre, Noelia Martínez Canosa, lembra que as primeiras actuacións anunciadas polo Concello para avanzar na regularización dos núcleos costeiros de Arteixo, entre eles O Portiño, se remontan a 2013.

Segundo a formación, o proceso xa fora considerado viable polo propio Concello. En 2018, tras recibir o visto e prace da Xunta para continuar coa tramitación, o Goberno municipal sinalara que estes núcleos cumprían o grao de consolidación necesario e dispoñían da maior parte dos servizos urbanísticos.

“Estamos falando dun procedemento que o propio Concello consideraba factible xa en 2018 e para o que en 2019 chegou a estimar aproximadamente un ano de tramitación. Estamos en setembro de 2026 e os veciños do Portiño seguen esperando”, denuncia Martínez Canosa.

Desde Alternativa Enxebre lembran tamén que o 28 de decembro de 2023 o Pleno municipal aprobou por unanimidade o proxecto de regularización dos núcleos costeiros, co obxectivo de continuar coa súa tramitación ante a Xunta. Posteriormente, en outubro de 2024, a Administración autonómica deu luz verde á declaración ambiental estratéxica.

A pesar destes pasos, a formación considera que a regularización continúa sen culminarse e reclama ao Goberno municipal información concreta sobre os trámites que permanecen pendentes.

Catro maiorías absolutas e Arteixo segue sen PXOM

Alternativa Enxebre vincula tamén a situación do Portiño coa ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en Arteixo.

Martínez Canosa recupera unhas declaracións realizadas por Carlos Calvelo durante a campaña das eleccións municipais de 2011, cando afirmaba: “Se temos un goberno cunha maioría suficiente para poder gobernar sós, non aprobar o Plan Xeral quere dicir que non nos interesa gobernar e non podemos gobernar en Arteixo”.

“Carlos Calvelo conseguiu a maioría absoluta en 2011 e volveu conseguila en 2015, 2019 e 2023. Son catro maiorías absolutas consecutivas e 15 anos de goberno, pero Arteixo continúa sen Plan Xeral. Non son palabras nosas; estamos aplicando o criterio que el mesmo estableceu cando quería chegar á Alcaldía”, sinala a concelleira.

A formación lembra ademais que a ausencia dun PXOM foi un dos factores que dificultaron o avance da regularización do Portiño nos primeiros anos do procedemento.

Preguntas sobre os trámites ante Naturgy

A situación volveu ao Pleno municipal o pasado mes de abril a iniciativa de Alternativa Enxebre, despois de que o alcalde sinalase que un dos obstáculos para completar o proceso estaba relacionado coa subministración eléctrica e cun informe de Naturgy.

Martínez Canosa preguntou entón se o Concello iniciara todos os trámites necesarios ante a compañía para que puidese emitirse o correspondente informe.

“Non se lle pode dicir á veciñanza que hai que esperar por un informe dunha empresa se o Concello non realizou previamente todos os trámites que lle corresponden. Queremos saber exactamente que queda pendente, desde cando e que fixo o Goberno municipal para desbloquealo”, afirma.

Alternativa Enxebre reclama agora que o Concello detalle publicamente o estado actual da tramitación, os informes que faltan e as actuacións realizadas polo Goberno municipal para intentar completar o procedemento.

A situación do núcleo ante o desenvolvemento de Punta Langosteira

Outro dos aspectos que a formación considera necesario aclarar é a relación entre a situación urbanística do Portiño e a proximidade do Porto Exterior de Punta Langosteira, nunha contorna na que se están desenvolvendo ou proxectando novas actividades industriais, enerxéticas e infraestruturas.

Alternativa Enxebre lembra que os propios veciños, a través da Asociación de Veciños San Pancracio de Suevos-O Portiño, presentaron ao longo dos últimos anos alegacións ante diferentes proxectos e actuacións previstos na zona para defender as súas vivendas e a súa calidade de vida.

“Non estamos afirmando que regularizar O Portiño impida automaticamente ningún proxecto industrial. O que preguntamos é algo moi diferente: que incidencia pode ter o pleno recoñecemento urbanístico deste núcleo á hora de avaliar as afeccións sobre a poboación dos proxectos industriais, enerxéticos e de infraestruturas que se pretendan implantar na súa contorna”, explica Martínez Canosa.

A concelleira considera que, despois de tantos anos de tramitación, é lexítimo cuestionar por que os proxectos e infraestruturas vinculados a Punta Langosteira avanzan mentres a regularización do núcleo residencial continúa sen completarse.

“É unha simple casualidade? A quen beneficia que O Portiño continúe nesta situación? Aos veciños e veciñas do Portiño, desde logo, non”, afirma.

“Máis de 13 anos de promesas son máis que suficientes”

Martínez Canosa considera que a demora acumulada supón unha perda de confianza por parte da veciñanza no Goberno municipal.

“Carlos Calvelo e o Partido Popular traizoaron a confianza dos veciños e veciñas do Portiño, aos que se lles trasladou unha e outra vez que a solución estaba en camiño”, sostén.

Alternativa Enxebre reclama ao Concello que explique publicamente que trámites quedan pendentes, desde cando están pendentes, que actuacións realizou o Goberno municipal para desbloquealos e cal é a previsión real para culminar definitivamente a regularización.

“Os veciños teñen dereito a coñecer toda a verdade. O Portiño non pode continuar nun limbo urbanístico mentres ao seu carón avanza o desenvolvemento industrial do Porto Exterior. Máis de 13 anos de promesas son máis que suficientes. Non máis promesas nin escusas. Solución para O Portiño xa”, conclúe Noelia Martínez Canosa.