
A deputada do BNG Iria Carreira participou esta mañá na concentración convocada ás portas do centro educativo melidense
O BNG amosou esta mañá o seu apoio á comunidade educativa do CEIP Mestre Pastor Barral de Melide, que este curso afronta o recorte dun posto de mestre/a. A deputada do BNG no Parlamento de Galicia, Iria Carreira, participou na concentración celebrada ás 8:30 horas diante do centro para reclamar á Xunta de Galicia que dea marcha atrás nesta decisión.
Na mobilización tamén participou o responsábel local do BNG de Melide, Xesús Lois Mariño, que quixo trasladar o seu apoio ás reivindicacións do profesorado e das familias do colexio.
No marco desta reivindicación, Iria Carreira rexistrou esta mesma mañá no Parlamento de Galicia catro escritos relativos ao recorte de profesorado no CEIP Mestre Pastor Barral, co obxectivo de solicitar explicacións e reclamar solucións por parte da Xunta.
Desde o BNG destacan o amplo respaldo da comunidade educativa ás demandas do centro. Segundo sinalan, o 100 % das familias secundaron a protesta, non levando hoxe os seus fillos e fillas á escola como medida de presión ante a situación provocada polo recorte dun docente.
O BNG reclama á Xunta de Galicia que escoite as demandas do profesorado e das familias e que garanta os recursos humanos necesarios para ofrecer unha educación pública de calidade, evitando que os recortes repercutan directamente no funcionamento e na atención educativa do alumnado.
A formación nacionalista agradeceu tamén a implicación da deputada Iria Carreira e a súa rápida resposta ante a problemática trasladada pola comunidade educativa do Mestre Pastor Barral.
