
A formación nacionalista leva ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar que ambos proxectos avancen de maneira coordinada e con partidas orzamentarias concretas
O BNG vén de levar ao Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta que a ampliación do parque empresarial de Bértoa e a primeira fase da circunvalación de Carballo avancen de maneira coordinada e cun calendario concreto de execución.
Os dous proxectos acumulan anos de tramitación e xa superaron diferentes fases administrativas. Porén, desde a formación nacionalista consideran que chegou o momento de pasar da planificación á execución e coñecer con precisión os prazos e os recursos económicos destinados a ambas actuacións.
Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno galego información sobre cando comezarán as obras, canto se vai investir e que partidas específicas se incluirán nos próximos Orzamentos da Xunta. Tamén demanda coñecer como se coordinará a execución dos dous proxectos para evitar que avancen de maneira independente.
Para os nacionalistas, a conexión entre ambas actuacións resulta fundamental. A ampliación do parque empresarial de Bértoa supón un incremento da capacidade para acoller actividade económica e empresarial, pero, segundo o BNG, debe ir acompañada dunha mellora das comunicacións viarias que permita absorber o tráfico xerado e garantir unha conexión axeitada coa contorna.
“Ampliar o parque empresarial sen garantir ao mesmo tempo unha boa conexión viaria non tería sentido”, defende a formación nacionalista, que considera necesario que a Xunta estableza unha folla de ruta clara para os dous proxectos.
O BNG subliña que Carballo leva anos agardando por estas actuacións e que o tecido empresarial tamén leva tempo reclamando melloras nas infraestruturas. Por iso, reclama que os proxectos deixen atrás a fase de tramitación e conten xa con prazos, financiamento e compromiso de execución.
A formación nacionalista insiste así en que a ampliación do parque empresarial e a primeira fase da circunvalación deben ser entendidas como actuacións complementarias e desenvolvidas de maneira coordinada, co obxectivo de mellorar a mobilidade e favorecer o desenvolvemento económico de Carballo.
